Work Text:
—Non, Cebola, non podemos gardar isto sen máis. Non sei o que é exactamente, pero está claro que é perigoso.
Aí estaba Don facéndose o xefe, como sempre. É certo que realmente el era o xefe da organización, mais Cebola era o seu conselleiro. Non implicaba iso que as súas opinións deberían ser escoitadas e respectadas?
—E por que non? Poderiamos usalo contra os nosos inimigos.
Don suspirou e puxo os ollos en branco, exasperado. Xa tiveran esta conversa varias veces. Por moito que tratara de explicalo, semellaba que Cebola non conseguía entender a gravidade da situación.
—Se a nosa investigación é correcta —respondeu sen agochar a súa irritación—, unha arma semellante a esta foi a que acabou coas formas de vida que poboaban este lugar antes ca nós.
—Non todas as formas de vida —argumentou Cebola rapidamente—. Só debeu afectar a eses seres bípedos... Os humanos, non si? Ata onde nós sabemos, os caracois, os cervos e incluso as árbores xa convivían cos humanos. Obviamente esas formas de vida si que sobreviviron.
Don asentiu, confirmando o que dicía.
—Entón —continuou—, non debemos preocuparnos polos seus efectos, xa que somos inmunes.
—Moi ben, sabichón. Entón para que cona nos serve se os da banda cogombriño serían tan inmunes coma nós?
—Pois nese caso podemos deixalo aquí e xa está! E non empeces xa a insultarme.
—Non te estou insultando. Simplemente estou usando grosarías.
—E o de chamarme sabichón que?
O Limón non podía facer máis que ver aos seus compañeiros discutiren. Estaban na súa base de operacións, o soto do invernadoiro de Don. Atopábanse concretamente no andar máis baixo do mesmo, na habitación que decidiron usar para gardar aquel obxecto estraño ata que soubesen que facer con el. Era ovalado e gris, tan grande coma os tres xuntos. Na parte inferior tiña unha cola. En xeral, a súa forma semellaba a dun peixe robótico.
O que daba sinais da súa perigosidade era o símbolo que tiña no medio do óvalo. Era un círculo amarelo cun círculo máis pequeno e tres raias que saían del, todo de negro. Xa atoparan ese mesmo símbolo en moitos barrís nas aforas da aldea. Todos tiñan en común un líquido verdoso que facía dano ao entrar en contacto coa pel. Non era difícil imaxinar que o interior do peixe de metal sería semellante, senón aínda máis perigoso.
—Don ten razón, hai que desactivalo dalgunha forma —interrumpiu Limón. Nese punto Don e Cebola estaban a intercambiarse insultos, cada un máis absurdo e ofensivo que o outro.
—Limón, cala a boca! Eu son o conselleiro, non ti. Ten claro cal é o teu lugar.
—Si, seino, mais creo que esta é unha situación excepcional. Decidir que facer con isto —dixo sinalando a arma— pode pór en perigo o mundo que coñcemos.
—Pero que non vai pasar nada! En serio non confiades no meu xuízo? —exclamou Cebola incrédulo—. Se son eu quen investigou máis sobre como era o mundo antes de aparecermos nel.
—Cebola, por favor, pensa por un momento o que estás dicindo. Pensa nos barrís. Non teñen dentro unha substancia tóxica para todo o mundo, incluidos nós?
Cebola asentiu, esperando encabuxado a que Limón rematase o seu argumento.
—Que che fai pensar que isto non leva o mesmo ou algo peor? Ten o mesmo círculo amarelo. Que era o que quería dicir ese símbolo?
—Radiación, o que sexa que signifique iso.
—Non debe de ser nada bo. Por moito que poida facer dano a outras bandas, tamén nolo pode facer a nós.
—A ti o que che pasa é que tes medo de que sexa unha arma tan poderosa que xa non te necesitemos como sicario!
—Pero ti que dis? —replicoulle Limón, empezando a fartarse e ferido pola acusación—. Tampouco usamos o líquido dos barrís porque somos vexetais intelixentes e non empregamos substancias que non entendemos e que nos poden facer dano!
—Que falas de vexetais? Se ti es unha froita!
—Xa está ben! —estoupou Don. El era o xefe, así que el tiña a última palabra nas decisións, sobre todo nas de gran importancia.
O berro de Don foi tan forte que nin Cebola nin Limón puideron evitar encollerse.
—A min xa non me parecía boa idea gardala na nosa base, mais aceptei porque é mellor que a teñamos preto e que non a atopen os nosos inimigos. O seu potencial destrutivo é obvio. Non vamos usar unha arma que nin podemos controlar. Podemos acabar coa banda cogombriño cos métodos que xa coñecemos.
—En serio vas facer caso ao Limón podre este? —dixo Cebola, incrédulo pola falta de consideración de Don polo seu posto como conselleiro.
—Eu son o xefe, así que son quen decide que facemos con esta cousa! —gritou Don mentres sinalaba agresivamente á arma—. Non nos é útil e pode por en perigo toda a vida do planeta. O mellor que podemos facer e desactivala para que non poida facer dano a ninguén.
Cebola soltou un bufido.
—Algo que obxectar? —preguntou Don desafiante.
Cebola non respondeu.
—Ben. Será mellor que te encargues ti, xa que es quen sabe máis sobre esta tecnoloxía humana. Cando remates sube, estaremos planificando o noso próximo atraco.
Dito isto, Don e Limón saíron da habitación. Cebola quedou só, mirando a porta pola que saíran os seus queridos compañeiros. Non puido evitar suspirar de fastío.
Aburridos. Eran moi aburridos.
