Work Text:
"...Reclamo Hordak como nome e opóñome a túa vontade!"
Con estas palabras, o antigo líder da Maléfica Horda en Etheria guindou ao Primoxénito da Horda polo borde da plataforma e saboreou a liberdade por primeira vez en moito tempo.
Unha mágoa que a ledicia non durase moito, pois cando ía abrazar a Entrapta notou unha enorme dor de cabeza que delatou ao instante a súa propia orixe. O Primoxénito estaba tomando control da sua mente e do seu corpo e non había nada que facer para evitalo. Tentou berrarlle a Entrapta antes de que a escuridade máis profunda lle envolvese, mais foi inútil. Para falar tanto de luz purificadora, o certo é que o Primoxénito era o ser máis tenebroso do universo.
Pasou tanto tempo a escuras que comezou a esquecer quen era. O seu nome, a súa vida en Etheria. Entrapta. Ía frío e o único que quería era durmir... A pesares de saber que iso lle convertiría de novo nun clon do Primoxénito. Mais ía tanto frío... Xa nin sabía como chegara a esa situación. Tiña a impresión de ter esquecido algo... Ou alguén. Mais se a esquecera, tan importante non sería, non si?
E de súbito, unha explosión de luz e de calor encheu todos os rincóns da mente de Hordak. Hordak! Ese era o seu nome, o que escollera e reclamara para si mesmo. E toda a súa mente quedou, rapidamente, liberada das tebras que a levaban asolando dende facia décadas. Hordak lembrouno todo... Incluso un certo recordo que esquecera involuntariamente sen mediación do Primoxénito.
A primeira vez que viu un portal aberto en Etheria. Facía case dúas décadas. Hordak estaba facendo uns experimentos, cando os seus instrumentos detectaron uns niveis de enerxia espectaculares. Pensou que, se cadraba, o Primoxénito da Horda lograra atopalo e vira a por el. Polo tanto, decidiu sair en persoa e sen avisar a ninguén para recibilo.
Atopou un portal. Mais o que atopou foi un bebé. Estivo a piques de estoupar e deixar alí ao bebé e irse ao seu laboratorio a escachar cousas, mais había algo diferente nese bebé. Ao miralo, e tendo en conta que vira a través dun portal, Hordak presentiu que se cadra tiña unha razón de ser. Así que levouno de volta á Cidadela Arrepiante e doullo a Tecesombras, que acababa de volver dunha expedición. A Hordak doíalle a cabeza, así que accedeu rapidamente á petición de Tecesombras sen pensalo moito, porque os berridos do bebé estaban dándolle ganas de esnaquizar a todo o mundo.
E agora, vinte anos despois, ese bebé librárao do dominio do Primoxénito da Horda.
"Lémbrome de ti."
