Actions

Work Header

O lugar de onde veño

Summary:

Despois de tantas clases de ciencia, Olive non pode evitar cuestionar as súas orixes.

Tampouco é que o seu pai saiba contestar as súas preguntas.

Notes:

Ola! Levo cun interese especial neste xogo importante (aínda que se lle noten bastante os anos xddd), así que necesitei liberar as ideas da miña cabeza nun fic. É posible que escriba máis ao redor desta Olive, baseada na partida na que conseguín o final da Princesa da Escuridade. Neste fic en concreto ten como 14 anos.
Este xogo ten un lore bastante confuso respecto aos deuses, os demos e o seu rol no mundo, así que vou explorar iso un pouco como me dá a gana. O de que actúen baixo as ordes divinas do deus supremo e que ao mesmo tempo o mundo os vexa como malvados é unha cousa.

Sentídevos libres de comentar, dar suxerencias ou correccións!

Work Text:

Olive, para ser unha moza tan ben educada e cunhas conviccións tan fortes, non tiña moito interese nin na Igrexa nin na relixión.

Ninguén na súa casa tiña por costume ir a misa e seu pai mandáraa dúas veces contadas a axudar ás monxas. Non lle vía o uso a que traballase con elas cando podería estar na granxa, facendo unha boa cantidade de diñeiro para manter a familia a flote. Ademais, por moito que tivese deixado atrás o caos e a tortura aos humanos, Cube seguía sendo un demo, polo que non era moi ben visto polos eclesiásticos nin pola sociedade en xeral.

Polo tanto, unha vez que comezou as clases de ciencia, na que explicaban dende o mecanismo de reprodución da mosca ata os movementos xiratorios do planeta no que vivían, a Olive non lle foi difícil separar todos eses fenómenos naturais dunha suposta forza sobrenatural que os producía. As súas leccións non contradicían a existencia da maxia nin dos monstros, xa que estes eran tanxibles e, no primeiro caso, esta seguía unhas pautas baixo certa lóxica estudable. Olive pensaba que nunca tivera contacto con ningunha deidade polo que, se todo o que se producía no mundo podíase explicar sen a súa intervención, non lle tiña sentido crer neles.

Quizais era estraño que unha moza cunhas orixes tan místicas amosase tal visión ateísta do mundo, mais a explicación da súa chegada ao mundo terreal fora agochada por varios anos. Inicialmente, o seu pai dixéralle que súa nai morrera ao dar a luz. O home nunca tivera parella dende que derrotara a Lucifon e quedara a vivir no reino, pero Olive non tiña forma de corroborar se o que lle contaba era verdade ou non. A súa amnesia sobre calquera lembranza da súa vida no ceo éralle moi útil a seu pai para evitar explicar quen era ela e por que estaba ao seu coidado. Cube non estaba de acordo en mentirlle así á señorita, mais pouco podía facer baixo as ordes do seu mestre.

Porén, chegou un momento no que Cube, farto do manter a Olive nas sombras sobre as súas propias orixes, decidiu contarlle todo: como os deuses deixárana ao cargo do seu pai con nove anos para así comprobar se a humanidade tiña deixado atrás as súas tendencias pecaminosas e impuras. A moza, por moito que quixese ao mordomo, non foi capaz de crer o que lle contaba. Non entendía como o coidado que lle podería proporcionar unha soa persoa era sinónimo do estado no que se atopaba a humanidade. Era certo que podía sufrir influencias da sociedade, externas ao control do seu pai, pero el seguía sendo o principal responsable do que estudaba, en que traballaba, a súa dieta, que vestía e moito máis da súa vida. Que derrotase a Lucifon non dicía nada sobre que tipo de pai era ou como se comportaba en sociedade. E se o home que lle tocaba era cruel? Era certo que o seu pai non era malvado, pero tampouco se caracterizaba pola súa tenrura ou comprensión. Para iso estaba Cube. O seu rol era criar unha filla forte e capaz de sobrevivir por si mesma, non darlle amor.

Quizais aos deuses tampouco lles importaba esa diferenza, só que non seguise os camiños da tentación.

Por iso, aínda que non se permitía crer a explicación de Cube, non podía parar de pensar no que significaba para ela e para todo o que coñecía. Así, un día no que o seu pai lle preguntou polos seus estudos, decidiu dicir:

—Levo tempo preguntándome se Deus é real.

Preferiu expresar as súas dúbidas co Deus supremo e non con ningún dos doce para non meter a Cube en problemas.

—Como? —exclamou o seu pai en resposta, contrariado—. Por suposto que é real! Que che fai pensar que non o é?

—E que che fai pensar a ti que si? Porque o din as monxas? Que proba tes de que Deus é real? Unha proba tanxible, non anécdotas facilmente manipulables pola manipulación psicolóxica das autoridades ou das nosas propias preconcepcións de como funciona o mundo.

—Os demos. Ou vas dicir que a guerra na que loitei non ocorreu de verdade?

—Non, se ata eu os teño visto no deserto. A cuestión é que, se o que sabemos sobre ese suposto Deus é certo, iso convérteo nun hipócrita.

—Hipócrita —bufou o pai, rindo polas ocorrencias da súa filla—. Estás chamando ao noso Deus todopoderoso... hipócrita?

Olive asentiu coa cabeza firme e as cellas engurradas.

—Todo o mundo di que os demos son malvados, non? Criaturas nacidas para sementar o caos e a destrución por onde pasan.

O seu pai asentiu, aínda sen comprender o punto ao que quería chegar a moza.

—Pero ese é o rol que lles deu Deus, se é que existe —continuou—. Cando os humanos actúan de formas que el non acepta, dille ao Señor da Escuridade que ataquen aos humanos para darlles unha lección.

—Olive...

— Que sentido ten dicir que son malvados se só seguen as ordes de Deus?

—Olive, queres calar? —gritou o seu pai. Non puido evitar lembrar as palabras de Lucifon cando o derrotou, como se rira dos seus intentos de deter os desexos de Deus—. Os demos son malvados e xa! Deus creounos para seren malvados. Por que lle tes que buscar sempre a explicación a todo?

Olive apertou a mandíbula en resposta. Os seus ollos estaban chorosos.

—Cube! —chamou Olive, xa que o mordomo estaba limpando os estantes da habitación mentres discutían—. Ti tes que saber do que estou falando, non? Ti es un demo. Por que Deus mandaría facer esas cousas para logo pintalos como malvados?

Cube encolleuse e baixou a cabeza, preferindo mirar ao chan que a calquera dos dous.

—A ver, señorita —murmurou—, eu xa fai tempo que non me atopo baixo as ordes de Lucifon. Non me lembro de que clase de contacto tiña con Deus, se é que tiña algún.

—Ah, si? Cando empezaches a traballar para meu pai?

Cube quedou calado, apertando os beizos.

—Xusto despois da guerra —acabou por contestar, a súa voz continuando a ser un fío—. Fun un agasallo por parte de Lucifon ao seu pai por telo derrotado.

—Entón, loitaches na guerra, non?

—Si...

—Que tes que dicir agora? —preguntoulle Olive ao seu pai—. É Cube un ser feito de pura maldade? Ou vas xustificar que só estaba seguindo as ordes de Lucifon? Se é así, os demos non son malvados por definición, polo que Deus é un mentireiro.

—Non era que non crías nel?

—Non, non o fago pero, se atopo probas de que existe, seguirei sen rezar e ir a misa. Non lle quero dar o meu tempo a un ser así. Non merece a miña adoración.

—Mira, pensa o que ti queiras —dixo o seu pai, masaxeándose a fronte—. Non ten sentido falar contigo destas cousas.

—Pero se es ti quen non me deu ningunha respos...!

—Silencio! Non quero ter que escoitar máis estupideces sobre Deus da túa boca. E nin se che ocorra seguir con este conto ao mordomo. Non ten por que aturar estas parvadas.

Dito isto, ergueuse da súa cadeira de brazos e saíu da habitación dunha portada. Olive, exhausta, deixouse caer no chan e comezou a chorar.

—Señorita! Atópase ben? Necesita axuda?

—Por que? Por que, por que, por que...? —murmurou ela, tremente e abrazándose a si mesma.

—Señorita?

—Por que me crearon? Se os deuses existen, por que me crearon e me baixaron ao mundo terreal? Que é o que queren probar?

Cube, sentindo a miseria que destilaban as palabras de Olive, acercouse a ela con coidado e deulle unha aperta. Ela seguía na súa posición, mais non fixo ningún movemento para que rompese o contacto.

—Por que non me visitan nunca? —continuou—. Por que me deixaron soa? É que non era suficiente para eles? Non posuía a pureza necesaria para merecer un sitio no ceo? Por que, Cube, por que?

Cube tratou de buscar as palabras para calmar a señorita pero, dixese o que dixese, nada parecía funcionar. Olive quedara atrapada na súa cabeza, un labirinto de preguntas sen resposta do que quería saír, aínda que fose inútil, aínda que a verdade fose peor que calquera das mentiras do seu pai.

Os saloucos seguiron por minutos ata que se converteron en horas.